Situación

Nos últimos 5 meses observamos unha tendencia lixeiramente ascendente nos prezos da tarifa indexada, e o mes de novembro foi o primeiro dos últimos 24 meses no que os prezos da tarifa indexada foron superiores aos prezos do mesmo mes do ano anterior, dados os antecedentes isto precisa unha explicación.

Antes de nada indicar que seguimos recomendando a tarifa indexada a longo prazo, aínda que entre os meses de decembro e febreiro a tarifa indexada pode ser algo máis cara que a tarifa fixa, con bastantes incertezas. A partir de Marzo todo parece indicar que a tarifa indexada vai ser moito mellor.

Os prezos da tarifa indexada superaron os da tarifa fixa nos meses de agosto (un 3%) e novembro (un 5%). Foron os únicos meses dos últimos 30 meses nos que a tarifa fixa foi mellor que a tarifa indexada.

Os prezos da tarifa fixa baixámolos un 22% no verán e no outono (con respecto ao ano 2023) e aínda así, facendo media dos últimos 5 meses que levamos de 2024, a tarifa indexada foi un 5% máis económica.

Os prezos de novembro teñen explicacións técnicas, pero aínda non se pode afirmar que haxa un cambio de tendencia nos prezos do mercado eléctrico, considerando que esta tendencia se vai acercando paseniñamente o prezo que marca a viabilidade das macroinstalacións renovables. Os prezos na primeira metade deste ano estiveron máis baixos do agardado e quizais iso creou falsas expectativas. Causas da subida de prezos:

  1. Pouco vento: novembro de 2024 foi un mes moi anómalo en canto o escaso vento (producíndose un 32% menos de enerxía eólica que en novembro de 2023) a isto engádese que é un mes de pouca produción solar, polo que a produción renovable viuse debilitada.
  2. Mantemento e apagón de centrais nucleares: As centrais nucleares funcionaron un 27% por debaixo da produción realizada en setembro deste ano, a pesar de que os prezos foron moito máis altos, incluso por debaixo da produción do ano pasado (no que houbo moito vento e os prezos estaban máis baixos). Novembro é un mes tradicional para o mantemento das centrais nucleares polo vento que soe facer, pero agora co pulo da fotovoltaica quizais non sexa o mes máis axeitado para facelo, xa que en primavera as renovables teñen moita máis capacidade para suplir con garantías e prezos baixos a capacidade nuclear, como xa se demostrou este ano con tres meses nos que as centrais nucleares funcionaron a medio gas con prezos baixos. Séguese facendo en novembro porque evidentemente o oligopolio interésalle tensar o mercado en novembro e os órganos competentes non interveñen para cuestionar esta decisión pouco afortunada dende o punto de vista técnico coas novas circunstancias.
    A maiores, como os encoros estaban cheos e non facía vento, polo que era factible baleiralos con prezos altos, isto fixo que a hidráulica substituíse a enerxía nuclear na función de aportar estabilidade o sistema eléctrico. O oligopolio sen dúbida aproveitou esta circunstancia para parar máis centrais das necesarias por mantemento e para inflar os prezos.
  3. Prezo do gas: O outono é un trimestre tradicionalmente malo para o prezo do gas, xa que se incrementa a demanda e hai que manter o almacenamento cheo de cara ao inverno. Hai anos nos que os prezos comezan a baixar en outubro, pero este ano a falta de vento, fixo que a presión sobre a demanda se incrementase unhas semanas máis. Tamén está a influencia do fin do contrato do gasoduto que abastece a Europa dende Ucraína. En calquera caso a dependencia deste gasoduto a día de hoxe non é transcendental, xa que a maior parte do gas ruso está chegando por vía marítima. En ausencia de excedente de produción renovable o gas é a tecnoloxía que máis influencia ten na fixación de prezos.
  4. Indicar que as reservas de gas son un 29% superiores as que había en 2021, non hai seca, os reactores nucleares franceses están recen renovados, e hai un 10% máis de potencia eólica instalada e dobre de potencia fotovoltaica instalada que en 2021. Aparte hai proxectos agardando por prezos atractivos con capacidade para duplicar a capacidade de produción renovable a curto prazo, polo que non é de agardar un novo movemento especulativo do tamaño do vivido en 2021.

Perspectivas

Os mercados de futuros a día de hoxe (02/12/2024) indican que o prezo medio da nosa tarifa indexada en 2025 prezo debería de estar en en torno a 0,157 €/kWh, dado que os futuros soen deixar unha marxe importante para eles, este prezo debería situarse nun escenario de prezos aceptablemente bos como os de 2024, pero é algo difícil de prever. Por último recordar que as últimas facturas comparadas do oligopolio saíron favorables a Nosa Enerxía grazas o menor prezo pola potencia.

Nosa Enerxía ten como obxectivo iniciar o proceso de creación dunha cooperativa de xeración en 2025 (que terá que ratificarse na próxima asemblea) coa idea de que en 2026 poidamos iniciar os primeiros proxectos de comunidades enerxéticas promovidas e financiadas por Nosa Enerxía S.Coop.Galega.

Comparte

Leave A Comment